| ESTATUTOS

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1º.- Denominación
Constitúese coa denominación “Asociación: Centro de Intérpretes da Lingua de Signos Española e Guía-Intérpretes de persoas Xordocegas de Galicia (CILSGA)”, de agora en diante CILSGA.
Esta Asociación, con capacidade xurídica, plena capacidade de obrar e sen ánimo de lucro, rexerase polos presentes Estatutos, e pola vixente Lei Orgánica reguladora do Dereito de Asociacións e polas restantes lexislacións existentes en materia de Asociacións que lle sexan aplicables.
Artigo 2º.- Duración
Esta asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos/as asociados/as expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria, ou polas causas previstas na lexislación vixente.
Artigo 3º.- Fins
A existencia desta Asociación ten coma fins:
C.I.L.S.GA. ten como finalidade principal asumir a representación e defensa do colectivo de Intérpretes da Lingua de Signos Española e Guía–Intérpretes de persoas Xordocegas de Galicia, e concrétase nos seguintes obxectivos:
a) Desenvolver os aspectos normativos que rexen a profesión de Intérprete da Lingua de Signos Española e Guía-Intérprete de persoas Xordocegas.
b) Difundir a figura do/a Intérprete da Lingua de Signos e do/a Guía – Intérprete, defender os seus dereitos laborais e profesionais ante calquera persoa ou entidade, pública ou privada.
c) Exercer dentro da legalidade vixente tódalas funcións que se consideren necesarias para o cumprimento dos fins e obxectivos estatutarios.
d) Velar pola honorabilidade e prestixio da profesión.
e) Elaborar propostas relacionadas coa problemática de identificación e temas de interese xeral que afecten ós/ás asociados/as.
f) Participar, organizar e colaborar en todo tipo de actividades relacionadas coa interpretación da L.S.E. e Guías – Interpretación.
g) Desenvolver actividades de todo tipo encamiñadas a cubrir as necesidades dos/as asociados/as, así como dirixidas a achegar recursos para cumprir cos fins fundacionais.
h) Exercer coma órgano consultivo ante calquera entidade e/ou colectivo en temas relacionados coa profesión.
i) Facilitar a unión entre persoas Xordas, Xordocegas e oíntes, facendo posible a comunicación entre ambas as dúas mediante os servicios profesionais dos / as intérpretes da L.S.E. e Guías – Intérpretes.
j) Fomentar o uso e dar a coñecer a Lingua de Signos, a investigación, o seu desenvolvemento e perfeccionamento.
k) Promover accións dirixidas ó desenvolvemento dun marco normativo e legal perfectamente delimitado no que apoiar a súa actuación profesional fronte a posibles inxerencias ou alteracións do seu labor favorecendo a súa independencia, credibilidade, honestidade e intervención respectuosa e correcta.
Artigo 4º.- Actividades
Para o cumprimento destes fins, C.I.L.S.GA realizará actividades como:
-
Promover a existencia e posta en marcha de servicios de Intérpretes da L.S.E. e Guías -Intérpretes de persoas Xordocegas.
-
Xornadas, congresos, seminarios ou outras actividades co fin de consolidar o exercicio da profesión.
-
Participar en tódalas actividades organizadas desde FILSE, a “Federación Española de Asociaciones de Intérpretes de L.S.E. y de Guía–Intérpretes”.
-
Elaboración e edición de materiais formativos, boletíns, folletos e calquera outro tipo de publicacións para a difusión das ideas da Asociación.
-
Deseño e execución de cantas accións ou actividades sexan precisas para conseguir a participación de asociados e/ou destinatarios.
-
Fomento das relacións de colaboración con institución públicas, entidades privadas e organizacións non lucrativas que permitan un mellor cumprimento dos fins fundacionais.
-
Desenvolver iniciativas e participar en todos os actos encamiñados á obtención do recoñecemento legal da L.S.E.
-
Calquera outra actividade que a Asemblea Xeral e/ou a Xunta Directiva considere axeitada para o cumprimento dos fins da Asociación.
Artigo 5º.- Domicilio Social
O domicilio social da Asociación radicará na localidade de Vigo
no Apartado de Correos 383, CP-36200 da provincia de Pontevedra, con enderezo na web: http://www.cilsga.org.
Poderanse empregar outros locais asociativos adicionais na cidade (ou noutras cidades), mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio coma os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións.
Para os efectos de comunicacións e notificacións sinálanse como preferentes as seguintes direccións:
Domicilio: Apartado de Correos 383, CP-36200, Vigo
Teléfono 1: 616386989 (Presidencia)
Teléfono 2: 616680533 (Secretaría)
Correo electrónico:
cilsga@yahoo.es
Artigo 6º.-
Ámbito de actuación.
A Asociación en función dos seus fins exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 7º.- Afiliación a outros organismos.
C.I.L.S.GA. poderá afiliarse de acordo co establecido nos presentes Estatutos e disposicións legais vixentes a calquera entidade sexa cal sexa o seu ámbito de actuación: local, autonómico, estatal ou internacional. Para iso será necesario o acordo favorable da Asemblea Xeral Extraordinaria.
CAPÍTULO II
DOS SOCIOS
Artigo 8º.- Condición do/a socio/a.
Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas maiores de idade, físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar (ou tras o acordo do órgano competente da persoa xurídica), que reúnan os seguintes requisitos e sexan admitidos no seo da xunta directiva:
a.) Estar en posesión da titulación oficial vixente de Intérprete da Lingua de Signos Española e Guía -Intérprete de persoas Xordocegas ou de aquelas acreditacións previas á actual no momento da alta da condición de socio/a numerario/a, así como aquelas titulacións/acreditacións que se atopen nun proceso de regularización profesional.
b) Calquera persoa física ou xurídica que teña interese nos fins da asociación no apartado de socio/a colaborador/a.
Artigo 9º.-Admisión de novos/as socios/as
Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. Informarase posteriormente en Asemblea Xeral.
Artigo 10º.- Perda da condición de socio/a.
Son motivos da perda da condición de socio/a:
-
Por vontade propia comunicada por escrito á xunta directiva e previo pagamento de tódalas cotas que teña pendentes.
-
Por vontade propia dun/ha socio/a que se ausente da Comunidade Autónoma de Galicia e sempre e cando solicite por escrito a baixa temporal da Asociación. Durante tal ausencia estará exento/a do pago das cotas de socio/a.
-
Non satisfacer as cotas fixadas. Aquel socio/a que teña seis meses de atraso recibirá notificación por escrito tendo a partir da recepción da mesma un prazo máximo de outros seis meses para facer efectivo o pagamento da débeda correspondente. Finalizado o prazo e non producíndose este pagamento será automaticamente dado/a de baixa.
-
Por conducta incorrecta, por desprestixiar a Asociación con feitos ou verbas que perturben gravemente os actos organizados pola mesma e a normal convivencia entre os asociados/as.
-
Incumprimento do Código Ético dos Intérpretes da Lingua de Signos e Guía-Intérpretes de persoas Xordocegas así como aquelas accións ou actitudes que desvirtúen a figura dos mencionados profesionais.
-
Por incumprimento manifesto das obrigas como socio/a.
No caso do impago das cotas, aquel socio/a dado de baixa que desexe a súa reincorporación á Asociación deberá costear a débeda acumulada ata o momento da súa baixa.
Así mesmo por incumprimento dos apartados e) e f) do presente artigo e no caso da reincorporación á Asociación, non poderá ser elixido/a para ningún cargo da Xunta Directiva.
O/a socio/a que se considere expulsado inxustamente poderá presentar un escrito ante a Xunta Directiva que expoñerá o seu caso na Asemblea Xeral, debendo ser ratificada por esta. Contra o acordo da Asemblea pódese recorrer ante a xurisdicción ordinaria.
Artigo 11º.- Tipos de socios/as:
Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados/as:
-
Fundadores/as, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.
-
Numerarios/as, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
-
Honorarios/as, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.
-
Colaboradores/as, aquelas persoas físicas ou xurídicas que desexen colaborar coa Asociación.
Artigo 12º.-
Dereitos dos socios
Os/as socios/as fundadores/as, numerarios/as e de honra teñen os seguintes dereitos:
-
Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
-
Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.
-
Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.
-
Disfrutar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poida obter.
-
Ter copia destes Estatutos.
-
Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
-
Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
-
Facer suxerencias ós membros da Xunta Directiva en orde á mellora do cumprimento dos fins da Asociación.
-
Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todos os anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.
Os/As socios/as colaboradores terán os mesmos dereitos coa salvidade de que non poderán ser elixidos para cargos directivos nin terán dereito a voto na Asemblea Xeral.
Artigo 13º.-
Obrigas dos/as socios/as.
Son obrigas dos asociados e asociadas:
-
Satisfacer as cotas que se establezan para cada tipo de socio.
-
Prestar cantos servicios determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.
-
Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
-
Asistir ás Asembleas Xerais.
-
Contribuír co seu comportamento ó bo nome e prestixio da Asociación.
-
Cumprir os acordos da Asemblea Xeral, da Xunta Directiva e o contido dos Estatutos.
-
Colaborar ó servicio dos intereses comúns.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
RÉXIME XERAL
Artigo 14º.- Réxime Xeral.
A Asociación rexerase segundo os presentes Estatutos, sempre que os seus contidos non se opoñan ás leis nin contradigan os principios contidos na Lei Orgánica 1/2002 e o seu desenvolvemento regulamentario. O regulamento de Réxime Interno (se existe) desenvolverá os presentes Estatutos.
Artigo 15º.-
Órganos de Goberno e representación.
O goberno e a representación da Asociación estarán a cargo dos seguintes órganos:
-
A Asemblea Xeral, como máximo órgano colexiado de goberno da Asociación.
-
A Xunta Directiva, como órgano colexiado no que a Asemblea delega o goberno permanente da Asociación.
-
O/A presidente/a, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a e o/a tesoureiro/a, coma órganos unipersoais e con funcións de goberno e de representación determinadas polos Estatutos.
C.I.L.S.GA. poderá crear en calquera momento servicios, comisións ou grupos de traballo que consideren necesarios previo acordo da Asemblea Xeral ou da Xunta Directiva.
XUNTA DIRECTIVA
Artigo 16º.- Composición da Xunta Directiva.
A Xunta Directiva é o órgano permanente de goberno, xestión, representación e administración da Asociación, e estará formada por:
-
Presidente/a.
-
Vicepresidente/a.
-
Secretario/a.
-
Tesoureiro/a.
-
Tantos vocais como se precisen
Naquelas circunstancias en que esto non sexa posible a Xunta Directiva estará formada polos cargos mínimos establecidos pola lei que regula os presentes Estatutos.
Os cargos da Xunta Directiva non serán remunerados polo C.I.L.S.GA., agás naquelas circunstancias nas que así o decida a Asemblea Xeral, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.
Artigo 17º.- Elección da Xunta Directiva.
Os cargos correspondentes á Xunta Directiva elixiranse pola Asemblea Xeral e durarán un período de 4 anos, inda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
Segundo o establecido no Artigo 12º, poderá optar a algún cargo todo aquel socio/a cunha antigüidade mínima dun ano e que estea ó corrente do pagamento das cotas.
A presentación de candidaturas para a elección de xunta directiva efectuarase por escrito nun prazo mínimo de quince días antes da celebración da Asemblea Xeral Extraordinaria. Dita candidatura será unha lista cerrada encabezada polo candidato/a a Presidente/a, ademais dos nomes dos candidatos ó resto dos cargos, tal e como estipula o artigo 16º, a excepción dos vocais.
Para a elección da candidatura será necesaria a maioría dos votos dos membros da Asemblea. En caso de existir varias candidaturas será nomeada aquela que obteña un maior número de votos da Asemblea.
O número de Vocais será o que determine a Asemblea Xeral, sendo propostos pola Xunta Directiva e elixidos pola Asemblea Xeral.
Artigo 18º.- Cese da Xunta Directiva
O cese dos/as membros da Xunta Directiva producirase por algún dos seguintes supostos:
-
Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
-
Pola constatada realización de actividades contrarias ós fins e obxectivos do C.I.L.S.GA.
-
Por incumprimento das obrigas que tiveran encomendades e/ou por expiración do mandato. Neste caso, continuarán nos seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación de quen os substitúan.
Artigo 19º.- Baixa voluntaria dos/as membros.
A baixa voluntaria de calquera membro da Xunta Directiva, deberá ser comunicada por escrito á mesma.
Artigo 20º.- Funcións da Xunta Directiva.
As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a todos actos propios das finalidades da asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral. En particular son facultades da Xunta Directiva:
-
Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa do C.I.L.S.GA acordando realizar os oportunos contratos e actos.
-
Convocar as Asembleas Xerais e executar os acordos acadados nesta.
-
Formular e someter a aprobación da Asemblea Xeral o Plan de actuación proposto pola Xunta Directiva, así como a Memoria de xestión correspondente.
-
Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o Orzamento do exercicio, así como os Balances e as Contas anuais do exercicio pechado.
-
Resolver sobre a admisión de novos asociados.
-
Crear Comisións ou grupos de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades ou recadar das mesmas a información necesaria. Ó cargo das Comisións ou grupos de traballo designarase un membro da Xunta Directiva.
-
Nomear delegados para determinadas actividades da Asociación.
-
Interpretar os Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno e velar polo seu cumprimento.
-
Dictar normas de funcionamento non contempladas no Regulamento de Réxime Interno.
-
Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios.
Artigo 21º.-. Reunións da Xunta Directiva
A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente ou, no seu defecto, o Vicepresidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será convocada polo Presidente/a e presidida polo mesmo/a e, na súa ausencia, polo Vicepresidente/a ou o Secretario/a, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña mais idade.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría simple dos votos dos asistentes e en caso de empate decidirá o voto do Presidente.
O/a Secretario/a ou, no seu defecto, calquera outro membro da xunta directiva levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.
Artigo 22º.- Constitución de Comisións ou grupos de traballo
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recabar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva á proposta do seu respectivo presidente.
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.
ÓRGANOS UNIPERSOAIS
Artigo 23º.- O/a Presidente/a
O/A Presidente /a terá as seguintes atribucións:
-
Ostentar a dirección do C.I.L.S.GA. velando polo cumprimento dos seus fins.
-
Representar legalmente ó C.I.L.S.GA. ante toda clase de organismos públicos ou privados.
-
Convocar, presidir e levantar as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, e moderar as deliberacións dunha e doutra.
-
Ordear pagos e autorizar coa súa firma os documentos, actas, certificacións e correspondencia
-
Adoptar calquera medida urxente que ó seu criterio contribúa á boa marcha do C.I.L.S.GA. ou que sexa aconsellable para a boa marcha do desenrolo das súas actividades, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.
Artigo 24º.- O/A Vicepresidente/a
O /A Vicepresidente/a a substituirá ó/á Presidente/a por delegación deste/a, na súa ausencia motivada por calquera causa xustificada, tendo as mesmas atribucións.
Artigo 25º.- O/A Secretario/a
O/A Secretario/a terá as seguintes atribucións:
-
Ostentar a dirección dos traballos administrativos do C.I.L.S.GA.
-
Custodiar e levar os libros de actas e de rexistro de socios/as, documentos e selos do C.I.L.S.GA.
-
Convocar, por orde do/a Presidente/a, as reunións dos órganos de goberno, levantando acta das reunións que se celebren e o correspondente certificado dos acordos tomados co Visto Bo do/a Presidente/a.
-
Comunicación sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles ós Rexistros correspondentes, así coma a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais nos termos que legalmente correspondan.
-
Aquelas outras que lle poidan ser delegadas ou que sexan consecuencia da natureza propia do cargo.
Artigo 26º.- O/A Tesoureiro/a
O/A Tesoureiro/a terá as seguintes funcións:
-
Ostentar a dirección dos traballos de xestión económica do C.I.L.S.GA.
-
Custodiar e levar os libros de contabilidade e os inventarios, así como todos os documentos económicos necesarios para a elaboración das contas e balances.
-
Preparar os Orzamentos, as Contas anuais e os Balances para a súa presentación diante da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
-
Recadar e custodiar os fondos pertencentes ó C.I.L.S.GA.
-
Dar cumprimento as ordes de pago que expida o/a Presidente.
Artigo 27º.- Os/As Vocais
Os/As Vocais terán as atribucións propias do seu cargo coma membros da Xunta Directiva, así coma as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta lles encomende.
ASEMBLEA XERAL
Artigo 28º.- A Asemblea Xeral
A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade do C.I.L.S.GA e estará formada por tódolos integrantes da mesma (con dereito a voto se procede). O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.
Artigo 29º.- Convocatoria da Asemblea Xeral
1º.- As reunións da Asemblea Xeral serán Ordinarias e Extraordinarias. A Asemblea Xeral reunirase con carácter Ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten por escrito a maioría simple dos seus socios/as, con expresión manifesta dos asuntos a tratar.
2º.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro do primeiro cuatrimestre do ano. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas cun mes de antelación polo/a Presidente/a da Xunta Directiva e por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión, así coma a Orde do Día.
Artigo 30º.-
Constitución da Asemblea.
As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias coma Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran nela a maioría dos seus membros, e en segunda convocatoria calquera que sexa o seu número.
Artigo 31º. Acordos da Asemblea Xeral
Os acordos tomaranse por maioría simple de votos. Así mesmo, en caso de empate o voto do/a Presidente/a será de calidade e resolverá éste.
Os/As socios/as poderán outorgar a súa representación, ós efectos de asistir ás Asembleas Xerais, en calquera outro/a socio/a. Tal representación outorgarase por escrito, e deberá obrar en poder do/a Secretario da Asemblea polo menos 24 horas antes de celebrarse a sesión. Cada socio/a poderá asumir como máximo tres delegacións.
Artigo 32º.- Competencias da Asemblea Xeral Ordinaria.
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
-
Aprobar o Plan de actuación proposto pola Xunta Directiva, así como examinar e aprobar a Memoria de xestión correspondente.
-
Aprobar o Orzamento proposto pola Xunta Directiva, así como examinar e aprobar os Balances e Contas anuais do exercicio anterior.
-
Fixar as cotas ordinarias e ou extraordinarias.
-
Acordar a remuneración, non seu caso, dos membros dos órganos de representación.
-
As demais que resulten dos Estatutos e non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral Extraordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 33º.- Competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria.
Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:
-
Elixir os integrantes da Xunta Directiva.
-
Aprobar a federación con outras Asociacións.
-
Aprobar ou modificar os Estatutos do C.I.L.S.GA.
-
Disolver ó C.I.L.S.GA. e designar os liquidadores.
-
Cese ou expulsión dosa/as socios/as, a proposta da Xunta Directiva.
-
Autorizar o illamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
-
Solicitar a declaración de utilidade pública do C.I.L.S.GA.
-
Aprobar o Regulamento de Réxime Interno do C.I.L.S.GA.
-
Aquelas que pola súa importancia someta á súa consideración a Xunta Directiva.
-
Elección de socios de honra
CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 34º.- Patrimonio.
O C.I.L.S.GA conta cun patrimonio fundacional de noventa euros con quince céntimos.
Artigo 35º.- Funcionamento orzamentario.
O C.I.L.S.GA funcionará en réxime de presuposto anual, tendo lugar o seu peche o 31 de decembro de cada ano. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro da Asociación, que deberá ser aprobado na Asamblea Xeral Ordinaria.
Artigo 36º.- Recursos Económicos.
O C.I.L.S.GA. manterase dos seguintes recursos:
-
As cotas ordinarias e extraordinarias dos seus membros que se fixen na Asemblea.
-
As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
-
Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades do C.I.L.S.GA.
-
Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 37º.-Disposición de Fondos.
Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde o C.I.L.S.GA. teña depositados os mesmos terán recoñecidas as sinaturas, na entidade bancaria, correspondentes o Presidente e o Tesoureiro, para a utilización conxunta deles.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 38º.-
Regulamento do Réxime Interno
O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno do C.I.L.S.GA estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.
CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 39º.- Modificación dos Estatutos.
Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou pola metade dos membros da Asemblea Xeral.
A convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria terá a modificación como punto da Orde do Día e estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo mínimo de sete
días para calquera socio/a poida dirixir á Secretaria as propostas e emendas que estime oportunas. Éstas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.
Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable do setenta e cinco por cento dos membros da Asemblea Xeral de socios.
Artigo 40º.-Disolución
O C.I.L.S.GA. disolverase polas seguintes causas:
-
Pola vontade dos asociados/as acordada pola unanimidade de votos dos membros da Asemblea Xeral de socios.
-
Por outras causas determinadas legalmente.
-
Por sentencia xudicial.
Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará una Comisión Xestora, que procederán a efectuar a liquidación das débedas e obrigas, se houber. Fixado o haber líquido resultante, e unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra entidade ou entidades con fins de interese xeral análogas ás realizadas con anterioridade e que poidan redundar no beneficio das Persoas Xordas e en Asociacións de Intérpretes de LSE e Guías -Intérpretes de persoas Xordocegas similares á nosa.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
Para todo o que non esté previsto nos presentes Estatutos, aplicarase a vixente Lei Orgánica reguladora do Dereito de Asociación, e das disposicións complementarias.
DILIXENCIA:
Con data 1 de marzo de 2008 adóptase a modificación dos Estatutos do CILGA en Asamblea Xeral Extraordinaria de socios, quedando redactados ós mesmos coas modificacións adoptadas na Asemblea Xeral.
|